Mensaxe de Salustiano Mato á Comunidade Universitaria


20/05/2010 Publicado en Novidades

Quero, en primeiro lugar, poñer de relevo a participación de toda a comunidade universitaria nas eleccións recén celebradas, que deron como resultado o apoio maioritario á miña candidatura. Cómpre tamén recoñecer o labor realizado por Jaime Cabeza e o seu equipo, o seu compromiso e afán de traballo demostrado ao servizo da Universidade de  Vigo.

Conscientes da responsabilidade que asumimos, chegou a hora  poñerse a traballar na consecución dos obxectivos marcados para os próximos catro anos. Na etapa que agora comeza, e co estímulo do respado recibido, coido que todos xuntos somos quen de afrontar os retos que nos plantea a difícil situación actual.

A crise ten que ser unha oportunidade para nós e ese vai ser o servizo que prentendemos prestar á sociedade. Xuntos pero non sós: agardamos contar coa colaboración das institucións coas que a universidade necesariamente ten que entenderse. Neste sentido, o noso primeiro esforzo vai estar dirixido a un entendemento coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da que esperamos o acordo preciso para obter un financiamento xusto e acaído ao importante papel que desenvolve a universidade no desenvolvemento económico, social e cultural do noso país.

Salustiano Mato


Squash e docencia na xornada de reflexión


20/05/2010 Publicado en Novidades

Despois da tensión destes días, onte cheguei ás 9:00h ao campus de Vigo e aproveitei para poñer ao día todos os asuntos de investigación que tiña pendentes por mor da campaña electoral.

Correxín traballos e exames ata última hora da mañá, cando me reunín cos meus amigos Domingo Docampo e Anxo Sánchez para xogar ao sqash. Despois marchei para casa, onde descansei e paseei coa miña muller.

Mensaxe á comunidade universitaria


18/05/2010 Publicado en Estudantes, Os campus, PAS, Profesorado, Programa

Nestes últimos quince días de campaña electoral ao reitorado da Universidade de Vigo temos falado de moitos temas: infraestruturas, adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, investigación… mais son consciente de que o activo máis valioso que ten a nosa universidade son as persoas que traballan e estudan nela. Por este motivo, o noso lema de campaña é “Somos quen”, pois confiamos no noso potencial humano para facer fronte aos retos de futuro que nos agardan nos próximos anos.

Os recursos humanos son prioritarios para o noso modelo de universidade e por iso incluímos no noso programa de goberno numerosas accións encamiñadas a aproveitar todo o noso talento e multiplicar o seu potencial.

Traballaremos en acadar unha formación integral dos nosos estudantes, intensificando os programas de prácticas en empresas e institucións e facilitando a súa inserción laboral a través da posta en marcha de plans de empregabilidade e o apoio á creación de empresas a través da posta en marcha de viveiros empresariais nos tres campus. Ademais, fomentaremos a mobilidade dos nosos estudantes e procuraremos a captación de estudantes foráneos a través dunha oferta de posgrao atractiva e de prestixio.

Faremos un esforzo especial para consolidar o noso persoal docente axudante e investigador dándolle continuidade ás políticas de captación de talento e promoción da calidade seguidas nos últimos anos e que permitiron xa a incorporación ao cadro de persoal de sesenta doutores/as. Para iso, porase en marcha un plan de choque especial que permita que todo o persoal axudante e investigador acreditado poida ter a oportunidade de concursar a unha praza fixa. Non podemos permitirnos desperdiciar nin unha soa pinga de talento. Se algún/ha doutor/a novo/a, a pesar da súa vontade e adicación, se sente excluído na nosa universidade é síntoma de que algo non funciona correctamente.

No atinxente ao persoal de administración e servizos, darémoslle prioridade á negociación do seu convenio colectivo, potenciaremos a súa formación e definiremos unha carreira profesional sen incertezas, capaz de identificar claramente os camiños da súa promoción e consolidación.

Por último, poremos especial énfase no desenvolvemento de plans de conciliación e igualdade, dentro da estratexia de política social da nosa universidade. Para iso desenvolverase un plan de igualdade e aprobarase o Plan Concilia.

Todas estas medidas forman parte dun proxecto colectivo e integrador, aberto e vivo, orientado cara ás persoas, que aspira a superar os retos que ten por diante a universidade nos vindeiros anos coa participación activa de todos e todas. Porque o noso lema “Somos quen” non se refire exclusivamente aos membros desta candidatura, alude a todas as persoas que forman parte desta Universidade.

Amigas e amigos, o xoves confiamos en acadar o voso respaldo para gobernar esta Universidade na próxima lexislatura. Nos tempos que corren, a nosa institución quere un equipo ambicioso e que sexa capaz de converter as adversidades en oportunidades. E nós asumimos o reto de situar a Universidade de Vigo á vangarda do Sistema Universitario de Galicia.

Agora, máis que nunca. ¡Somos quen!

Salustiano Mato

POR QUÉ TANO REITOR?


18/05/2010 Publicado en Novidades, Salustiano Mato

- PORQUE TEN UNHA DEMOSTRADA CAPACIDADE DE XESTIÓN – CV

- PORQUE TEN UN PROGRAMA SÓLIDO E VALENTE – programa

- PORQUE REÚNE UN EXCELENTE EQUIPO DE GOBERNO – equipo

- PORQUE É A OPCIÓN DE PROGRESO

- PORQUE É QUEN DE ILUSIONARNOS DE NOVO

Resumo dos compromisos específicos para todos os centros da univerisdade


18/05/2010 Publicado en Novidades

ENLACE DE DESCARGA (compromisos por centros)

Alternativa Universitaria concorre a estas eleccións cun plan cheo de ideas e propostas que nos permitan, a través do desenvolvemento do noso potencial humano, facer que a Universidade de Vigo brille no mundo e dea luz e calor ao seu contorno máis próximo.

De cara aos vindeiros anos, as principais propostas do noso programa resumíronse en nove eixos estratéxicos: Titulacións, Docencia e Estudantes, Investigación, Transferencia do coñecemento, A universidade na sociedade, Xestión dos recursos humanos, Dirección estratéxica, Loxística e infraestruturas e Servizos á comunidade universitaria.

En termos de persoal, os principais compromisos para o PDI poden resumirse na aposta decidida pola investigación, así como no esforzo especial para consolidar o noso persoal docente axudante e investigador dándolles continuidade ás políticas de captación de talento e promoción da calidade seguidas nos últimos anos e que permitiron xa a incorporación ao cador de persoal de sesenta doutores/as.

No atinxente ao persoal de administración e servizos, darémoslle prioridade á negociación do seu convenio colectivo, potenciaremos a súa formación e definiremos unha carreira profesional sen incertezas, capaz de identificar claramente os camiños da súa promoción e consolidación.

Finalmente, de cara ao alumnado, traballaremos para conseguir unha formación integral dos/as nosos/as estudantes, intensificando os programas de prácticas en empresas e institucións no grao e posgrao. Ademais, conxelaremos as taxas, fomentaremos a súa mobilidade, melloraremos o servizo de residencias e lanzaremos o programa “Un ordenador, un estudante” para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías.

Unha vez rematada a serie de visitas por todas as escolas e facultades, elaboramos este documento no que se resumen as propostas específicas para os centros da Universidade de Vigo.

ENLACE DE DESCARGA (compromisos por centros)

« Anteriores